sábado, 17 de julio de 2010

En "lembranza" de que 2011 será o Ano Internacional dos Bosques...

A árbore sempre tivo unha significación especial. É símbolo de fortaleza, de vigor e de "medrar cara ás alturas", de eterna superación.
As sequoias: uns xigantes anclados na Terra. A secuoia é unha conífera que se caracteriza polo seu extraordinario tamaño. De feito, é o ser vivo máis grande do planeta, pola súa lonxevidade e pola calidade da súa madeira. Son as árbores de maior altura da Terra. Coñécense dúas especies de secuoias, de xénero distinto, que principalmente viven en California e plántanse nos xardíns de case todo o mundo desde hai dous séculos. Estas dúas especies existen no famoso parque de Yellowstone: a Secuoia Vermella (Sequoia Sempervirenes), que alcanza os 95 metros de altura, con grosas cortizas fibrosas de gran resistencia; e a Secuoia Xigante (Sequoiadendron Giganteum), que alcanza os 80 metros de tamaño e 24 metros de perímetro na súa base. O segredo de tantas virtudes radica na súa particular forma de crecer. A partir dunha raíz común, o seu tronco subdivídese na base en varios troncos que medran de forma independente, así un non necesita dos outros para vivir. Pero no caso de que un deles sexa atacado por unha praga ou unha enfermidade, a savia dos outros troncos actúa para salvar a parte danada. Para que medren ben teñen que estar nun lugar abrigado, polo que debe situarse entre grupos arbóreos para protexerse de fortes ventos e xeadas. Na actualidade, as únicas árbores vivas que superan os 100 metros, son as Secuoias Vermellas. Nos Estados Unidas hai ducias de secuoias que superan os 105 metros. A maior de todas, coñecida como Mendocino Tree, situada en Montgomery State Reserve, en setembro de 1998 mediu 112,01 metros. En Galicia tamén hai algún exemplar de secuoia (na imaxe), coma o plantado nos precisosos, coidados e sorprendentes xardíns do Castelo de Soutomaior, na provincia de Pontevedra.
A simboloxía das árbores. Para os celtas, afeitos á observación e deleite de cada recuncho da natureza, cada especie de árbore posuía un significación concreta. No mundo celta, a natureza estaba chea de maxia e cada árbore ten significado de seu. O bidueiro representaba o principio das cousas e era usado para purificar. O cancereixo afastaba as influencias malignas, era un símbolo de protección. O freixo era a árbore da vida e posuía poderes máxicos. O ameneiro significa forza emocional e perseverancia. O salgueiro simbolizaba o equilibrio emocional e a rexeneración. A abeleira era a posuidora da sabedoría e o coñecemento. O acivro era símbolo de loita e protección. O sabugueiro era unha árbore máxica relacionada coas fadas e as súas flores servían para combater os feitizos. A mazaira era a árbore do máis alá, representaba o amor, o poder e a mocidade. O olmo é o símbolo da vitoria e do logro de novas cimas. O teixo, a "árbore sacra", simboliza o renacemento, asóciase á morte e á outra vida. O piñeiro representaba a fertilidade e a protección. A figueira, ademais, apuntaba á idea de abundancia. A nogueira era o símbolo da sabedoría e a ciencia. Con todo, a máis importante era o carballo, árbore sagrada dos celtas, o señor do bosque, representante do poder e da forza. A faia era tamén un símbolo de poder: a raíña dos bosques, o homólogo feminino do carballo. Neste contexto simbólico, cabe lembrar a seguinte anécdota, do esgrevio escritor que dá nome ao noso IES e que escribiu unha marabilloso Ensaio histórico sobre a cultura galega, onde se enxalza o "celtismo" que recorre toda a historia cultural de Galicia. A anécdota é a seguinte: o día que naceu Otero Pedrayo, o 5 de marzo de 1888, o seu pai plantou esa araucaria, que Don Ramón sempre a tivo "coma un irmán"; pero coma un fatídico presaxio, un violento vendaval derrubouna poucas semanas antes da súa morte, o 10 de abril de 1976.
A árbore de Nadal. Existe unha lenda que conta que no século VIII, un monxe inglés chamado Winfrid talou en Noiteboa un carballo, que era utilizado nas festividades pagás para ofrecer vidas en sacrificio. Nese mesmo lugar brotou milagrosamente un abeto. Por iso a súa especie tomouse como emblema do cristianismo. Tamén se coñece unha lenda que di que a árbore de Nadal foi descuberta por Perceval, un cabaleiro da mesa redonda do rei Arturo. Mentres o cabaleiro buscaba o Santo Graal ou cáliz da última cea de Xesús viu unha árbore chea de luces brillantes, que se movían como estrelas. O escritor alemán Goethe, no seu libro Werther, tamén fixo mención a un frondoso arbusto cheo de caramelos e figuras relixiosas. Unha das lendas conta que un monxe inglés, San Bonifacio, que organizou a igrexa francesa, atopou nunha das súas viaxes un grupo de pagáns ó redor dun gran piñeiro no momento en que ían sacrificar un neno en honra ó Deus Thor. Para evitar o sacrificio e salvar ó mozo, San Bonifacio derrubou a árbore cun poderoso e potente golpe de puño. O santo díxolle ós pagáns que ese piñeiro era a árbore da vida e da vida eterna de Cristo.
Os textos, de Merche Carballo e Raquel Losada; o debuxo de Dorri; as fotocomposicións, de Luchi Girola.

No hay comentarios:

Publicar un comentario