jueves, 15 de julio de 2010

A Amazonia, "o gran pulmón de Gaia".

Nesta entrada recollemos o atractivo texto de Merche Carballo e a composición fotográfica (sempre excelente) de Luchi Girola. Tanto no texto como na imaxe plásmase esa ledicia pola beleza e a mágoa do expolio da natureza e a desolación das comunidades que habitan esas zonas.
A selva amazónica é a máis extensa do mundo e considérase que a súa extensión chega aos 6.000.000 de km² repartidos entre oito países suramericanos: Brasil, Colombia e Perú, que posúen a maior extensión da Amazonia, seguidos por Bolivia, Ecuador, Guyana, Venezuela e a Guyana Francesa.
Descubrimento da riqueza natural da Amazonia. En 1542 o español Francisco de Orellana recorreu por primeira vez o Amazonas. Case un século despois, en 1638, o navegante portugués, Pedro Teixeira, converteuse na segunda persoa en recorrelo enteiro. A biodiversidade da selva amazónica é extraordinaria. É o fogar de máis de 2,5 millóns de especies de insectos, decenas de miles de plantas (contén até 75.000 tipos de árbores e unhas 150.000 especies de plantas), e unhas 2.000 especies de aves e mamíferos. Alberga unhas 90.000 toneladas de biomasa vexetal. Algúns expertos afirman que 1km² pode conter até 75.000 tipos distintos de árbores e unhas 150.000 especies de plantas. A flora e a fauna son tamén de incalculable valor. Alí coexisten innumerables especies de plantas, miles de especies de aves, incontables anfibios e millóns de insectos aínda sen clasificar, igual que réptiles, tartarugas, caimáns, serpes... Nas lagoas ao longo do Amazonas florece a planta Vitoria Rexia, unha especie de nenúfar cuxas follas circulares alcanzan máis dun metro de diámetro e en ocasións, até 5 m. Na Amazonia existen 4.000 especies de bolboretas, máis de 3.000 de peixes de auga doce, 1.700 de aves e o 20% das especies de primates do planeta. Mesmo nos últimos anos Marc van Roosmalen descubríu varias novas especies de monos. Ese primatólogo declaraba: “Non tiña nin idea do mal que coñecemos a Amazonia ata que comecei a atopar estas novas especies”. Esa inmensa riqueza e diversidade biolóxica (a maior do planeta) explícase porque foi un ecosistema que permaneceu inalterado durante millóns de anos.
Expolio, infamia e desolación. Á vista da exhuberancia da selva amazónica, creuse que os seus recursos serían inesgotables. Esa suposición foi o punto de partida dunha abusiva explotación de madeira, primeiro por parte da metrópole, Portugal, despois polas propias autoridades brasileiras e polas empresas multinacionais, atendendo mesmo á opinión dalgúns científicos do século XIX. Humboldt defendía que a Amazonia podía ser “o graneiro do mundo”. O presidente dos EE.UU. Roosevelt declarara tamén: “Non é permisible que unha terra tan rica e fértil quede inculta”.  A finais do século XX comezaron as denuncias contra esa barbarie, que pon en perigo o equilibrio da biosfera, como denuncia Lovelock. O seu título de "pulmón do Planeta" non é metafórico pois o bosque amazónico é a causa principal do equilibrio climático do "planeta azul".
A negra mancha do crú sobre a verde Amazonia. Hai algo máis dun ano, o 27 de febreiro de 2009, rompeu un oleoducto de Óleos Pesados en Ecuador. Naquela noite, derramáronse 14 mil barrís de petróleo e a Amazonia tinguiuse de negro. O verquido afectou especialmente á Reserva Ecolóxica Cayambe-Coca e ás poboacións de San Carlos e San Luís, perto do rio Quijos; tamén os poboadores do rio Mindo e do lago Agrio. O feito máis grave non foi catástrofe ecolóxica, senón a incompetencia política das autoridades e á actitude neglixente da empresa, Repsol-YPF, ao non atender as reiteradas reclamacións da poboación denunciando o mal estado no que se encontraba o oleoducto. Tampouco responderon coa debida prontitude cando se iniciou o derrame (non se pecharon as válvulas nin se tomaron medidas correctoras tras a catástrofe). O persoal que traballou no oleoducto xa denunciara deficiencias á hora da súa construción. Houbo fortes protestas, que foron moito máis fortemente reprimidas.

No hay comentarios:

Publicar un comentario