No noso periplo, "abordamos" a Jorge Mira, que con infinita amabilidade (non esquecemos as súas múltiples e importantes responsabilidades) respondeu ás nosas preguntas. Esta foi a entrevista, que preparou Raquel Losada.
"Jorge Mira, nado en Baio en 1968, é físico, investigador e divulgador científico. Doutor en Física, profesor titular de Electromagnetismo na USC e gañador de diversos premios científicos, Mira é o director do programa ConCiencia. Colabora en programas televisivos “Ciencia Nosa” ou “Cifras e Letras” na TVG.
P: A primeira pregunta, tendo en conta que nós estamos ás portas da universidade, é obrigada. Que buscaba Vostede cando decidiu estudar a carreira de Física e por que se centrou despois no electromagnetismo? Que tiña para “atraelo” tanto?
P: A primeira pregunta, tendo en conta que nós estamos ás portas da universidade, é obrigada. Que buscaba Vostede cando decidiu estudar a carreira de Física e por que se centrou despois no electromagnetismo? Que tiña para “atraelo” tanto?
R: A física era aquela disciplina que me permitía explica-lo mundo que me rodea. Daquela pensaba–e sígoo mantendo– que é o tronco da árbore da ciencia, do que saen tódalas demais. Logo, o electromagnetismo é a parte máis consistente da física.
P: É vostede membro de Mensa. Cre que para ser un bo científico é necesaria unha intelixencia superior ou unha intelixencia normal con esforzo e dedicación chega a todas partes ?
R: O segundo. Se non hai dedicación non hai resultados. Como dicía alguén "que veña a inspiración, pero que me pille traballando..."
P: Vostede é científico e tamén catequista. Que lles diría a xente que cre que a ciencia e a relixión son incompatibles?
R: Pois que non ten que ver unha cousa coa outra, versan sobre dominios diferentes. Eu teño moi claro que a dinámica do sistema solar está perfectamente rexida polas leis da física, non polas de Deus, e podo asegurarvos que iso non me causa ningún conflito...
P: Grazas ó programa ConCiencia están vindo a Galicia grandes científicos. Cren que con esta iniciativa pode aumentar o interese dos galegos polo mundo da ciencia? Cúmprense esas expectativas?
R: As espectativas do programa ConCiencia superáronse xa hai tempo: segundo afirman os propios Premios Nobel participantes, trátase dunha iniciativa que non viron en ningunha outra parte do mundo.Se tomamos como simple indicador os seus ecos na sociedade, pódese afirmar que se trata da iniciativa de divulgación científica de máis impacto social de Galicia, algo que en certo modo é lóxico, posto que é a acción divulgativa "de marca" da principal institución científica de Galicia (A Universidade de Santiago). Cómpre salientar que este programa é máis do que se ve publicamente: hai encontros con científicos, involúcrase aos grupos de investigación e por suposto, a imaxe de Santiago e da súa Universidade proxéctase enormemente na cidadanía. Os froitos das visitas recóllense moito tempo despois de remataren, grazas a que os contactos cos Premios Nobel acaban dando retorno en múltiples fontes.
P: O pasado ano, 2009, James Lovelock foi galardoado co Premio Fonseca. Sorprendeunos a súa cara xovial e a súa “mocidade” de noventa anos. Conserva algunha anécdota da súa estadía en Galicia ou doutros científicos que pasaron por Santiago e cos vostede tivera contacto?
R: Hai moitísimas: a máis chamativa deuma Torsten Wiesel, Premio Nobel de medicina 1981, que cando veu en 2006 dixo que non se sentira tan "rock-star" dende que gañara o Nobel. Aí comecei a decatarme de que o programa ConCiencia levaba bo rumbo. Outra que recordo con claridade foi a do día que recibín a Hawking no aeroporto: pareceume sorprendente a expresividade que conseguía cos mínimos movementos da súa faciana paralizada!
P: Vostede é de Baio, na Costa da Morte. Cre que a xente está máis concienciada sobre as catástrofes ecolóxicas despois do “Prestige”? Comparte Vostede a defensa da enerxía nuclear que promove James Lovelock? Poderíamos recurrir a outras alternativas mellores?
R: A concienciación debería ser maior. A xente que naceu hai 80 anos non sabía que tirar unha bolsa de plástico ao chan é malo e agora os da vosa xeración xa o sabedes, pero...fixádevos: as rúas están cheas de bolsas de "gusanitos", pipas, envoltorios de xeados...que son tirados por...xente da vosa xeración!! Que está pasando? Non o entendo...esa xente da vosa idade faino a sabendas de que é malo, o cal me parece moito máis grave. En canto a Lovelock, comparto a súa idea, si. A día de hoxe non hai alternativa realista á enerxía nuclear de fisión. Debemos escoller: ou ben un modelo de "queimar" combustibles fósiles (verquer CO2 á atmosfera, vamos...) ou ben un modelo nuclear. Ollo! Non estou dicindo que a enerxía nuclear de fisión sexa ideal, tan só que o paradigma nuclear é menos malo que o de combustión.
P: Cre Vostede que a ciencia ou os científicos lideran unha nova conciencia global, realmente preocupada polo coidado de Gaia? Ou é cuestión de políticos e grandes magnates económicos?
R: Roger Kornberg, Premio Nobel de Química 2006 díxoo ben claro na visita que nos fixo co programa ConCiencia: se non fose por impedimentos de tipo político-económico, a clase científica xa tería solucionado moitos problemas (referíase mesmo a doenzas como o cancro, pero a idea é extensible á saúde do noso planeta).
P: Debería haber límites na ciencia ou non (estamos pensando, por exemplo, na biotecnoloxía)? En caso afirmativo, cando e como se poderían establecer? Cales serían eses limites ao seu xuízo?
R: Os límites son os do sentidiño común, e non sei se é necesario definilos: ninguén dubida que non se pode asasinar a unha persoa para facer unha proba científica, por exemplo, etc.
Moitas grazas ao noso admirado científico.
No hay comentarios:
Publicar un comentario